Rompendo Regras LAB

Laboratorio de Participación cidadá en prol dunha menstruación digna e ecosaudable

Ao visibilizarmos a menstruación e ao cuestionarmos o modo dominante en que se vivencia e  desprega queremos considerar o corpo das mulleres doutro xeito. Focalizármonos na menstruación abre un espazo de coñecemento moi amplo para producirmos saberes encarnados ou corporeizados, procedentes da experiencia, da reflexión, e do coñecemento producido colaborativamente cunha ollada de coidado, de bo trato. Este é o obxectivo deste experimento que é o LAB Rompendo Regras. É un experimento dobre, porque aprendemos e, asemade, poñemos en cuestión os nosos marcos de referencia e as nosas prácticas docentes, investigadoras e profesionais. Igualmente, ensaiamos novas prácticas en todos os campos. Non só iso, senón que o queremos poñer en práctica coa creación de fronteiras máis porosas nas materias, nas aulas e nas organizacións, coa intención de sermos quen de aprender con outras realidades, outras organizacións, e outros saberes: o noso desexo é promover promover formas máis participativas.

Introducirmos a menstruación na Universidade para que forme parte das nosas materias, da nosa investigación, das nosas bibliotecas e das políticas institucionais é un atrevemento. Amosa as nosas vulnerabilidades formativas, epistemolóxicas e docentes, porque nosoutras mesmas, profesoras e colegas da Universidade e estudantes, aplicamos o velo de silencio que o patriarcado  subrepticiamente impón sobre a menstruación nas nosas diversas actividades académicas. Tamén porque o corpo como espazo de coidado, de saber e de diferencia está ausente da Universidade. Son as visións normativizadas,  e medicalizadas dos corpos das mulleres as que estamos acostumadas a manexar. Desafiarmos estas dende a reflexión, a acción e a colaboración é xustamente onde diriximos a óptica da nosa actuación.

Deja un comentario