Rompendo Regras Lab

el

Convocatoria de colaboradoras nos proxectos.

Convocatoria aberta de persoas colaboradoras para dinamizar o desenvolvemento dos proxectos, facilitar a realización de accións, o traballo colaborativo das participantes e apoiar a consecución de producións colectivas.

Poden ser colaboradoras/es dos proxectos persoas da UDC (alumnado, PDI e PAS) e persoas alleas a UDC.

O prazo de presentación de presentación remata o 24 de outubro ás 24:00

Participa completando este formulario. https://forms.office.com/r/K2Vr3H3yMd

Accede a toda a información sobre as temáticas dos proxectos e a convocatoria na seguinte ligazón: https://rompendoregras.wordpress.com/2021/09/30/rompendo-regras-lab/

Os proxectos nos que podes participar son:

Diálogos en vermello. Obxectivo: construír unha linguaxe para nomear a menstruación en toda a súa complexidade e abrir espazos para resignifícala.

Capa Rossa. Obxectivo: servirse da análise de ilustracións para reflexionar sobre a menstruación e deseñar ciclogramas mediante a experimentación artística.

Menstruación e discapacidade. Obxectivo: describir as vivencias sobre a menstruación.

Menstrualizando a formación universitaria. Obxectivo: incorporar obxectivos, contidos e actividades nas materias.

O sanguento impacto dos produtos menstruais dun só uso. Obxectivo:descubrir o seu impacto negativo no medio ambiente e na saúde e implementar accións de cambio

Educación menstrual, feminista, sustentable e global. Obxectivo: visibilizar as realidades que viven as mulleres noutros países e a vulneración dos seus dereitos.

Aprendizaxe colaborativa: intervención fisioterápica na dismenorrea primaria. Obxectivo: integrar coñecementos e experiencias reflexionando sobre o tratamento clínico desta disfunción.

Saúde, ecoloxía e menstruación, de onde partimos? Obxectivo: deseñar un cuestionario para identificar saberes, hábitos, uso de dispositivos e a súa relación coa calidade de vida e o medio ambiente.

A menstruación na Universidade: retos e sinerxías. Obxectivo: formular posibles iniciativas e accións para incluíla na axenda institucional, afianzar sinerxías, estudar políticas doutras Universidades e colaboracións con provedores de produtos menstruais ecosaudables.

Imaxes que manchan: fotografía participativa e menstruación. Obxectivo: desenvolver un proceso de fotovoz para construír unha narrativa colectiva que vincule o persoal e o social a través da produción de imaxes.

Imaxinando regras: imaxinación sociolóxia e menstruación. Obxectivo: aplicar unha dinámica participativa e colaborativa para desenvolver o pensamento crítico relacionando individuo e sociedade, presente e pasado.

Poemas do eu abertos e sangantes: expresión artística e literaria e menstruación. Obxectivo: utilizar a arte e a produción literaria para, a través de ferramentas creativas, resignificar a menstruación, dando visibilidade as súas múltiples dimensións.

Glosario básico

Aproveitamos para clarificar as diferentes denominacións:

Laboratorio: espazo intelectual, físico e dixital para producir coñecemento de xeito colaborativo entre persoas e grupos diversos, co-crear e experimentar formas diferentes, novidosas ou orixinais na súa aplicación noutro contexto ou nalgunha faceta con respecto a unha cuestión de relevancia académica, social, persoal, etc.

Proxectos: concretan o Laboratorio, permiten abordar liñas específicas de actuación e reflexión, deseñando ou implementando accións, producindo artefactos ou documentos, estabelecendo políticas, protocolos, etc. Implican traballo participativo e colaborativo de axentes e persoas variadas. Requiren da produción de achegas transferibles.

Obradoiros: accións específicas que articulan os proxectos e profundan nalgunha das súas dimensións.

Promotoras: persoas responsables dos proxectos, xestionan e dinamizan as accións e obradoiros e apoian o labor das colaboradoras. Recopilan a información producida a través dos formularios e concretan as achegas globais.

Colaboradoras: persoas que desenvolven propostas específicas dentro de cada proxecto e poden levar a cabo obradoiros. Teñen que documentar a súa proposta a través de tres formularios estandarizados.

Mentoras: persoas especialistas que asesoran puntualmente no desenvolvemento do proxecto.

Participantes: persoas que forman parte do proxecto e que traballan colaborativamente compartindo o seu coñecemento para producir algo novo.

Agardamos a vosa participación!

Organiza: Grupo de Igualdade de Xénero da Facultade. de Ciencias da Educación (UDC), dentro do proxecto Rompendo Regras UDC coa participación das Facultades de Ciencias da Educación, Fisioterapia, Ciencias do Deporte e Educación Física e Socioloxía.

Apoia: Oficina de Igualdade de Xénero (UDC)

Impulsa: “Laboratorios Ciudadanos Distribuidos”, proxecto en colaboración entre a Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria (Ministerio de Cultura e Deporte) e Medialab Prado. Podes saber mais desta iniciativa en https://labsbibliotecarios.es/sobre-los-labs/

Deja un comentario